Tuesday 07 de May de 2024

Alumeado e parques, principais consultas do servizo Liña Verde do Concello de Oroso


A día de hoxe comunicáronse 276 incidencias, das que o 100% recibiu resposta e máis do 75% xa foron resoltas satisfactoriamente

O servizo Liña Verde do Concello de Oroso atendeu un total de 276 consultas de veciños e veciñas do municipio no seu primeiro ano e medio operativo, o que demostra a boa acollida que ten entre a veciñanza. Un servizo que permite que os orosáns e orosás poidan comunicar calquera incidencia que observen no equipamento urbano e resolver consultas medio ambientais, favorecendo así un desenvolvemento sostible do municipio.

A maioría destas comunicacións estiveron relacionadas co alumeado público, seguida por parques e xardíns, beirarrúas e calzadas e limpeza viaria. Desas 276 comunicacións, o 100% recibiron unha resposta inmediata, máis do 75% xa foron solucionadas satisfactoriamente e o resto está en tramitación, ben porque se presentaron recentemente, ben porque o seu prazo de execución é máis longo.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Antonio Leira, amósase moi satisfeito coa participación cidadá, “pois e demostra a implicación da veciñanza na consecución dun concello máis sostible e facilita en gran medida a nosa xestión diaria, pois axiliza os tempos de reacción e dá a coñecer situacións de mellora que, de non ser pola colaboración cidadá, posiblemente o Concello non tería constancia ou o coñecería máis tarde”.

Utilización

O servizo de Línea Verde implantouse en probas en Oroso no verán de 2014 e está accesible a través da páxina web municipal (www.concellooroso.com). Para utilizar o servizo a través do Smartphone ou tableta, basta con descargar a aplicación Línea Verde. Para elo o usuario conectase a Play Store ou APP Store e, dunha forma sinxela e intuitiva, descarga a aplicación. Unha descarga que é completamente gratuíta.

Unha vez aberta a aplicación no dispositivo móbil, o usuario pode plantexar consultas ou comunicar unha incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, basta con seleccionar o tipo de categoría. Por xeolocalización, a APP Línea Verde encargase de detectar de forma automática as coordenadas exactas nas que se ubica a mesma. Posteriormente, pódese axuntar unha fotografía da incidencia cunha breve descrición.

Unha vez enviada, o responsable nomeado polo Concello de Oroso recibe notificación da mesma. A partir deste momento inícianse os trámites para dar solución a incidencia detectada. O cidadán coñece en todo momento o estado no que se encontra a súa consulta grazas ás notificacións que recibe no seu dispositivo móbil.

Ademais, para poder resolver calquera consulta a nivel medioambiental tamén se pode acceder á web www.lineaverdeoroso.com. A través deste dominio, o cidadán pode plantexar calquera consulta medioambiental en un prazo máximo de 24 horas terá resposta por un equipo de expertos na materia. Neste enlace, tamén existe unha ampla información de consulta sobre guía de boas prácticas, recursos de educación ambiental, lexislación básica, noticias ambientais etc… Un extenso contido personalizado do propio municipio.